Desde Solidariedade Obreira queremos expresar o noso apoio ás compañeiras da CNT condenadas polo caso da pastelaría La Suiza de Xixón. Afrontan un inminente ingreso en prisión por exercer un dereito fundamental: facer sindicalismo.
A pesar de terse solicitado o indulto, o xuíz decretou a súa entrada inmediata en prisión, nun acto de vinganza e autoritarismo que pretende amedrentar á clase traballadora organizada. Este caso representa un ataque frontal á liberdade sindical, un intento claro de criminalizar a acción directa e a loita obreira que non pasa polas canles domadas do sindicalismo institucional.
Condenar a seis persoas por participar nunha campaña de denuncia contra os abusos laborais dun negocio privado é perseguir o dereito á protesta, é protexer a patronal fronte ás súas vítimas, e demostra que a xustiza neste Estado está ao servizo dos intereses empresariais.
Desde Solidariedade Obreira:
Denunciamos esta sentenza como un acto de represión sindical intolerable.
Esiximos a liberdade inmediata das compañeiras.
Reclamamos a anulación das condenas e o recoñecemento do dereito á acción sindical combativa.
Chamamos a toda a clase traballadora, sindicatos, colectivos e persoas solidarias a responder con firmeza ante esta inxustiza.
Hoxe son elas. Mañá podemos ser calquera de nós. A súa loita é a nosa loita.


