O discurso das baixas serve de cortina de fume para tapar a quen nos enferma, nos rouba e nos mata
O presidente da Xunta decidiu poñer o foco nas baixas laborais e sinalar á clase traballadora. Os medios afíns xa cambiaron os titulares sobre ocupacións por outros centrados no custo do “absentismo”. Queren que pareza normal perseguir ás traballadoras doentes e instalar a idea de que somos sospeitosas por enfermar.
Pero a realidade é moi distinta. As baixas que se prolongan non teñen que ver con fraude, senón con algo que todo o mundo coñece: faltan profesionais, faltan citas, faltan probas diagnósticas. Se o sistema sanitario está saturado, as baixas duran máis. Iso non é culpa da clase traballadora, é consecuencia da falta de investimento en sanidade.
Ao mesmo tempo, obrígannos a traballar máis anos. Eliminaron prexubilacións, subiron a idade de xubilación e alongaron a vida laboral sen pensar no impacto que iso ten na saúde. E a prevención, que debería ser a base, segue sendo un trámite. A Lei de Prevención de Riscos Laborais é de 1995, pero trinta anos despois aínda non se aplica de verdade nos centros de traballo. Cada baixa é un risco mal avaliado, e cando volvemos ao posto non se revisan nin as medidas de prevención nin pensa na adaptación do posto á persoa.
A seguridade e saúde non poden ser papel mollado. Non chega con ter documentos, protocolos e manuais se logo non se aplican. A prevención ten que estar no día a día: na organización do traballo, nas cargas, nos ritmos, nas pausas, nas adaptacións. Se non se aplica, é pura fachada.
Mentres tanto, hai algo moito máis grave que non ocupa portadas: as mortes no traballo. Dúas traballadoras ao día non volven ás súas casas. Dúas. E esas cifras tan sequera recollen a quen traballa sen contrato, en situación irregular, nin estamos a ter en conta as enfermidades laborais (que non se recoñecen porque o proceso é tan longo e tan complexo que moita xente renuncia a reclamar os cambios de continxencia).
Enfermar xa está penalizado: cobramos só unha porcentaxe dos nosos miserentos salarios. E, no canto de investir en prevención, as empresas prefiren gastar en detectives privados para perseguir ás traballadoras que enferman. Esas son as súas políticas de saúde laboral.
O papel da Xunta nesta historia é claro: en vez de poñer o foco na patronal que incumpre, decide criminalizar á clase traballadora. Co apoio da prensa subvencionada, constrúe un relato onde o problema son as baixas, non as condicións que deterioran a nosa saúde. Permiten que as mutuas nos presionen e que poidan propoñer altas sen que nos vexa un especialista do Sergas. Á violencia da patronal súmase a violencia institucional.
E mentres nos sinalan, o verdadeiro fraude á Seguridade Social tamén queda fóra de plano: horas extra non pagadas, horas que se pagan pero non cotizan, horas complementarias ilegais, bases de cotización manipuladas, contratos en fraude e todas as estafas á seguridade social que a patronal utiliza para pagar menos e gañar máis. É insultante que pretendan dar leccións á clase traballadora, que somos quen sostemos o sistema público co noso traballo e coas nosas cotizacións.
Por moitos ataques que lance a Xunta, seguiremos defendendo os nosos dereitos. Este discurso contra as baixas é unha cortina de fume para non falar da falta de investimento en sanidade, do terrorismo patronal, da falta de prevención e da fraude empresarial. Nós sabemos quen nos enferma, quen nos precariza e quen nos mata. E sabemos tamén que a nosa vida non é negociable nesas mesas de diálogo social. Por iso imos seguir defendendo os nosos dereitos, por moito que lles moleste.


