O Salario Mínimo Interprofesional deixou de cumprir a súa función de chan salarial para a clase traballadora. O goberno “progresista” aprobou que o SMI poida ser reducido, retendo unha parte como Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) no caso de determinados traballadores.
Reter o IRPF a quen cobra o SMI implica converter o SMI nunha contía que pode ser reducida cando o desexe a burguesía. Inténtase xustificar, de xeito absolutamente ilexítimo, desde a narrativa de que se está facendo “pedagoxía” sobre a necesidade de pagar impostos. Curiosa e inxusta “pedagoxía”, que consiste en cobrar o IRPF aos traballadores e traballadoras máis vulnerables mentres se deixa sen efecto o imposto sobre os beneficios extraordinarios das enerxéticas ou se deriva cada vez máis gasto público á compra de armamento ou a todo tipo de subvencións e axudas aos donos das start-ups e ás grandes empresas tecnolóxicas.
A clase traballadora produce a riqueza na nosa sociedade. Xa paga un imposto abusivo e brutal: a plusvalía que se apropia o capitalista no proceso de produción. E, ademais, sostén co pagamento do IVE e do IRPF a maior parte dos gastos do Estado. As rendas do traballo tributan moito máis cas do capital, en valores agregados, malia que cada vez posúen unha parte menor da renda nacional. A parte do “pastel” que queda en mans da burguesía foi medrando nas últimas décadas e, ao mesmo tempo, reduciuse o seu esforzo fiscal. Pagan menos impostos, apropianse de maior plusvalía, e as políticas públicas destínanse, cada vez máis, a alimentar os seus negocios con subvencións empresariais, avais ao emprendemento ou axudas directas a sectores “estratéxicos”.
Sería interesante saber que contía dos Fondos Next Generation foi parar ás arcas do empresariado nos últimos anos, e que parte deses fondos permitiu sobrevivir aos perceptores do SMI. Cantos PERTES (proxectos especiais dos fondos europeos destinados a sectores empresariais como o do automóbil) se fixeron para rematar coa miseria obreira, por exemplo, nun dos países coa maior taxa de pobreza infantil da Unión Europea.
O Salario Mínimo só é mínimo se non pode ser reducido en ningún caso. Que os impostos os paguen os ricos, non os sectores máis empobrecidos da clase traballadora. Defendamos o salario. Tamén o dos sectores máis precarios. Deixémoslle claro ao goberno “progresista” que, se quere cartos para armamento e para a Coroa, ten que sacárllelos aos seus amigos da gran patronal.
A loita é o único camiño
O Salario Mínimo non se toca.
A acción sindical é a parteira do futuro do traballo


