Facemos un chamamento a todas as persoas desta cidade para que nos acompañen nesta data tan sinalada e simbólica e seguir denunciando o fascismo. Non hai nada que nos atinxa máis como persoas traballadoras que o fascismo, que é a ferramenta que o capitalismo emprega en cada unha das súas crises para dividirmos, para rescindir as nosas liberdades e dereitos, para desviarnos do noso inimigo principal: un sistema capitalista que destrúe o mundo, as nosas vidas, os ecosistemas… en definitiva, toda forma de reprodución da vida.
Capitalismo é a especulación da vivenda, converter en negocio un dereito. Fascismo é odiar a quen defendemos o dereito á vivenda para todas as persoas. Capitalismo son as empresas de armas. Fascismo é Desokupa. Capitalismo é a entrada dos bancos nas universidades públicas, as farmacéuticas, a precarización e os recortes dos servizos públicos universais: sanidade, vivenda, educación… Fascismo é o franquismo e os seus herdeiros, aínda en postos de dirección de grandes entidades, do Estado, dos medios de comunicación, de empresas que mandan e desmandan nas subcontratas (vender o público aos poucos), comezando sempre polo persoal de limpeza (sector empobrecido e feminizado). Fascismo son, tamén, as terapias de conversión, a negación dos dereitos das persoas trans, o odio ás persoas migrantes e racializadas…
Por iso, non entendemos un 1.º de maio que non sexa antifascista, porque o fascismo está no xenocidio que perpetra Israel, nas guerras e embargos dos EEUU, da OTAN, nas mortes no Mediterráneo… Porque as súas guerras son a nosa morte. Máis tamén hai fascistas de andar por casa, en calquera esquina e lugar. Identificamos a Trump, a Milei, a Abascal… pero que pasa co facherío galego?
Queremos que este 1º de maio as persoas que habitamos esta cidade cooperemos como as formigas e nos organicemos arredor da axuda mutua, sen esperar nada máis ca crear unha cidade mellor, un mundo mellor, porque levamos a semente dun mundo novo nos nosos corazóns. E, para iso, cómpre que nos unamos, crear vínculos, tecer redes e recoñecérmonos nas nosas diferenzas. Porque o inimigo é o Estado, o capital, o fascismo. A nosa forza, a solidariedade.
O 1º de maio e o antifascismo incumbénnos e inclúennos a todas as persoas: mulleres, trans e non binarias, desempregadas, discas, presas, psiquiatrizadas, crianzas, migras, racializadas… e animais non humanos.
Xa ben o dicía Kropotkin: “A solidariedade non é unha ética nin un sentimento moral, é unha estratexia revolucionaria, quizais a máis importante de todas”. Exercizámola!
ABAIXO O TRABALLO! TRABALLAR MATA!!!




Debe estar conectado para enviar un comentario.