FRONTE AO FASCISMO, LEVE O COLAR QUE LEVE . Nós dicimos: FEMINISMO!!!

Apostamos por un feminismo internacionalista, anticapitalista, transxeneracional, de clase, antirracista, transfeminista, gordo, tolo, anticarcerlario… TRANSVERSAL. 

O antifascismo é feminista porque o fascismo é a resposta do capitalismo cada vez que hai unha crise, ben sexa esta: económica, social, ecolóxica… E o fascismo e o capitalismo levan implícito o patriarcado: queréndonos calades, sumises, e, sobre todo, empobrecides e aillades.

Por un feminismo antifascista: 

Onde loitemos pola xustiza social, contra o xenocidio dos pobos, pola equidade, os dereitos das persoas LGTBIQ+, o dereito a migrar dignamente, ao acceso á vivenda, a un servizo de saúdo universal e gratuíto…

A opresión da muller polo simple feito de selo é moi rentable para quen a exerce. Ao igual que negar a realidade de milleiros de persoas que non se encadran nas identidades de xénero que nos inculcaron. 

Non podemos dar un paso atrás na loita pola liberdade dos nosos corpos e dos nosos territorios. Polo dereito ao aborto libre e gratuíto. Polo dereito a defender a vida e os seus territorios, sexan estes Palestina, Kurdistán, o pobo mapuche, Irán, Chiapas… defender a terra non é delito, a terra é a vida.

Defender a educación pública contra a privada e concertada (en mans da igrexa católica); a sanidade pública fronte a barbarie das mutuas, MUFACE ou os seguros privados; residencias de maiores públicas contra as privadas e concertadas (adiviñastes? outra vez topamos coa igrexa católica). 

Loitar polos dereitos cada vez máis mermados da poboación en todos os eidos: reforma laboral, lei mordaza, políticas migratorias… 

Loitar e defender as nosas comunidades, tecendo, coma levamos facendo toda a historia, as redes da solidariedade e do apoio mutuo. 

Non queremos redistribuir os traballos feminizados (e por elo mesmo: empobrecidos, menospreciados…)  queremos redestribuír a riqueza. Queremos dereitos para todes, dereito a vivir con dignidade!!

Fronte as mentiras, a estratexia do lawfare, o pinkwashing, os algoritmos das redes sociais, o machismo encuberto… Fronte ao avance do odio a nivel mundial.

Paremos esta crise combatindo o fascismo, nas rúas, nos traballos, nas aulas, nas familias. En todos os espazos que habitamos. 

Compañeires necesitamos loitar todes xuntes contra o fascismo leve o colar que leve: sionismo e todas as formas de colonialismo, OTAN, lei de estranxeiría… 

Máis asembleas, mais rúa, mais folgas contra o capital e as suás reformas laborais, contra ALTRI, contra o xenocidio dos pobos! Máis activismo e máis feminismo para tecer colectivamente outras realidades vivibles para todes.

Hoxe e sempre, que vivan as persoas e os pobos que loitan!