
ESTATUTOS DO SINDICATO DE OFICIOS VARIOS DE SOLIDARIEDADE OBREIRA DE A CORUÑA (SOVSOC)
DISPOSICIÓNS XERAIS:
Ao amparo da Lei Orgánica 11/1985 do 2 de agosto de Liberdade Sindical e o Real Decreto 416/2015 do 29 de maio, sobre depósito de estatutos das organizacións sindicais e empresariais, créase a asociación sindical SINDICATO DE OFICOS VARIOS DE SOLIDARIEDADE OBREIRA de A Coruña (SOVSOC), con
domicilio na rúa Eduardo Pondal, 24-3º 15702 Santiago de Compostela, suxeita ás disposicións que se estabelecen nestes estatutos e dotada da capacidade xurídica e da capacidade de obra necesarias para a realización dos seus fins.
TÍTULO I. DEFINICIÓN E OBXECTO
Artigo 1
O SINDICATO DE OFICIOS VARIOS DE SOLIDARIEDADE OBREIRA de A Coruña, en diante
SOVSOC, é unha asociación de persoas traballadoras que se define anarcosindicalista e, por tanto, de clase, autónoma, autoxestionaria, federalista, internacionalista e libertaria. O seu ámbito territorial de actuación será a provincia de A Coruña.
Artigo 2
O SOVSOC proponse:
- Desenvolver a vontade de asociación das traballadoras, independentemente do seu sexo, raza, nacionalidade, lingua, ideas políticas ou relixiosas (fóra das que propaguen ideas racistas, xenófobas, nazis e/ou fascistas)
- A emancipación das persoas traballadoras, mediante a conquista por elas, dos medios de produción, distribución e consumo e a consecución dunha sociedade libertaria.
- A eliminación de calquera forma de explotación e de opresión que atente contra a liberdade da persoa.
- O melloramento do medio ambiente e o desenvolvemento económico ecoloxicamente equilibrado co planeta.
- A práctica do apoio mutuo e da solidariedade entre as persoas traballadoras, así como a defensa dos seus intereses socioeconómicos inmediatos.
- Para alcanzar os obxectivos citados, estabelecerá relacións con cantos organismos obreiros afíns a nivel estatal e internacional poidan coadxuvar a súa consecución, así como utilizar de forma preferente
os medios de acción directa que en cada caso se estimen convenientes, definidos nos seus plenos e congresos.
TÍTULO II. ÁMBITO DE ACTUACIÓN
Artigo 3
O SOVSOC ten como ámbito esencial de actuación territorial a provincia de A CORUÑA.
Artigo 4
O ámbito profesional do SOVSOC é o de todas as persoas traballadoras manuais e intelectuais, en activo ou desemprego: as traballadoras autónomas que non teñan asalariadas ao seu cargo e as pensionistas.
TÍTULO III. PRINCIPIOS REITORES DE FUNCIONAMENTO
Artigo 5
O funcionamento do SOVSOC, tanto na adopción de acordos como na elección dos seus órganos de coordinación, representación e xestión, rexerase por principios de democracia directa. Os acordos adoptados nas asembleas de afiliación o serán por maioría simple ou consenso, excepto no estipulado no art.30 sobre a disolución do Sindicato.
Artigo 6
Todos os órganos do SOVSOC están obrigados a facilitar canta información sexa solicitada por vía orgánica, ou sexa: Afiliación e seccións Sindicais que así o demanden.
TÍTULO IV. ESTRUTURA E FUNCIONAMENTO
CAPÍTULO PRIMEIRO. ESTRUTURA
Artigo 7
Poderanse ADHERIR ao SOVSOC todas as seccións Sindicais, de empresa ou de centro de traballo, radicadas na provincia de A CORUÑA.
Artigo 8
Tamén se poderán AFILIAR todas as persoas traballadoras que, sen integrar ningunha Sección Sindical, pertenzan ao ámbito provincial de A CORUÑA.
CAPÍTULO SEGUNDO. DA AFILIACIÓN
Artigo 9
A afiliación producirase a través das seccións sindicais ou libremente como persoa afiliada sen sección sindical directamente en SOVSOC.
Para afiliarse a Solidariedade Obreira distinguiranse dúas situacións:
1ª) Se onde traballa a nova perosa afiliada xa existe Solidariedade Obreira como Sección Sindical consolidada. Neste caso bastará para cursar a afiliación que estea avalada por unha perosa membro da Sección Sindical de Solidariedade Obreira.
2ª) Se onde traballa a nova perosa afiliada non hai Sección Sindical. Neste caso apostamos decididamente por afiliacións que desexan comezar no sindicalismo combativo facilitando todos os medios para poder constituír a sección sindical canto antes. Non poderán afiliarse ao SOVSOC os membros das Forzas de Orde Pública, do exército profesional, nin de ningún corpo armado ou paramilitar, público ou privado. Así como os funcionarios de prisións, ou outros corpos represivos. Tampouco poderán afiliarse aquelas persoas que propaguen ideas racistas, xenófobas, nazis e/ou fascistas nin os membros de seitas (políticas ou relixiosas).
En todos os casos informarase as asembleas mensuais de Sección Sindical ou Sindicato de todas as altas e baixas producidas no período anterior.
Artigo 10
Toda persoa afiliada está obrigada a respectar e a non actuar publicamente contra estes estatutos, contra cantos acordos que emanen da súa sección sindical ou sindicato, de todos os órganos aos que se atope vinculado e de todos os que se tomen nos comicios da Organización. Da mesma maneira, estará obrigada a cotizar na forma que se estabelece no artigo seguinte.
Ningúnha persoa afiliada poderá realizar actividades de partidos políticos e outras organizacións autoritarias á marxe do SOVSOC dentro da mesma.
Artigo 11
Estabelécese a cota mínima mensual en 10 €, podendo voluntariamente manter unha cota superior, a cal se recadará pola sección sindical correspondente ou directamente polo SOVSOC. Para aquelas traballadoras en paro que non perciban prestación económica a cota mensual fíxase en 3€ e para as persoas traballadoras en precario e pensionistas (fin de semana, etc.) a cota será de 5€.
Artigo 12
Farán falta 6 meses de antigüidade na afiliación para ter asistencia xurídica gratuíta, salvo casos moi concretos de extrema gravidade ou importancia e debidamente avaliados. En todo caso isto último fai referencia a asuntos laborais e/ou represivos que sobreviñesen despois da afiliación. Durante eses 6 meses, os asuntos particulares facturaranos co servizo de xurídica que teña o SOVSOC, seguindo as tarifas marcadas polo Colexio Oficial de Avogados.
Artigo 13
Producirase a baixa dunha persoa afiliada polas seguintes causas:
- Por libre decisión desta.
- Por non satisfacer as cotas sindicais correspondentes a seis mensualidades sendo requirida para facelo. O abono das cotas pendentes conleva a anulación da baixa.
- Por incumprimento grave ou reiterado dos Estatutos e acordos dos organismos a que se atopa vinculada.
- Por exercer de crebafolgas nunha folga debatida en asemblea, aprobada e convocada por Solidariedade Obreira.
- Por avalar outra candidatura sindical distinta cando a sección sindical de SOVSOC se presenta a esas eleccións.
- Por presentarse ás eleccións a Comité de Empresa ou Xunta de Persoal por segunda vez como independente nas listas doutro sindicato
A Asemblea da Sección sindical proporá á asemblea do SOVSOC os motivos da expulsión para que sexa debatida e votada, sempre de forma razoada e maioritaria das asistentes á mesma.
En caso de que a perosa esté afiliada directamente ao SOVSOC e se detecte o descrito no artigo 13º destes estatutos, de forma documentada e razoada, será proposto á Asemblea de Afiliación do sindicato para a súa expulsión, na mesma debaterase e votarase, de forma maioritaria se esta procede.
Artigo 14
Toda persoa afiliada ao SOVSOC terá os dereitos e obrigacións seguintes:
- Dereitos
- Ser informada sobre: funcionamento orgánico, medios e métodos de loita, así como dos fins do SOVSOC.
- Recibir asesoramento e asistencia xurídica gratuíta, e no seu caso, o apoio e a solidariedade do seu sindicato, así como doutras ferramentas da organización, en asuntos relativos á súa actividade sindical, social e laboral.
- Elixir as persoas membros dos distintos órganos de representación da organización.
- Ser elixido para calquera órgano de representación. Con obxecto de salvagardar a independencia do SOVSOC, as persoas afiliadas que tamén o sexan de partidos políticos e outras organizacións autoritarias non poderán ostentar ningún cargo no seo do SOVSOC, en ningún dos niveis da organización.
- Obrigacións
- Cotizar a cota sindical estabelecida.
- Informar os órganos do sindicato da súa actividade sindical e das responsabilidades a ela encomendadas.
- Respectar os acordos da súa sección sindical e da organización, non actuando contra os mesmos.
Artigo 15
Afiliación
- Se se pertenceu con anterioridade ao SOVSOC, dará conta da súa decisión de volver afiliarse á asemblea xeral de afiliación do sindicato, que será a encargada de aprobar ou non a súa afiliación.
- As solicitudes de afiliación realizadas por antigas persoas delegadas sindicais ou candidatas doutros sindicatos serán decididas na asemblea de afiliación da sección sindical ou do SOVSOC se non houbese sección na devandita empresa.
Artigo 16
Corresponsabilidade: A persoa que propoña unha idea, acción ou campaña que sexa aprobada, deberá corresponsabilizarse con ela, o sindicato poñerá os medios necesarios, pero quen promove participa.
Artigo 17
Formación de afiliación: Ao obxecto de que un número cada vez maior de afiliación coñeza en profundidade o funcionamento do sindicato e poida contribuír a desenvolver as accións cotiás e básicas, sen complexos nin medos, se continuarán organizando talleres básicos de formación sindical, tanto ideolóxicos, como a nivel básico sobre materias das seguintes áreas: organización do sindicato ou sección, Saúde Laboral, demandas ante os xulgados do social, preparación de reunións coa empresa, elaboración de comunicados e publicacións, etc.
Poderase solicitar a asistencia da afiliación ás diferentes actividades sindicais que o Sindicato ou a Sección Sindical, acorden realizar.
CAPÍTULO TERCEIRO. DAS SECCIÓNS SINDICAIS
Artigo 18
Para constituír unha Sección Sindical, ben de ámbito de empresa ou ben de ámbito de centro de traballo, serán tres persoas afiliadas, que desenvolverán a súa actividade dentro do ámbito territorial que fixan os propios estatutos das seccións sindicais, mantendo informado periódicamente ao sindicato, segundo sexa de empresa ou de centro de traballo.
Artigo 19
A Xunta Sindical é o órgano de representación e xestión da sección sindical, coordinando e organizando o funcionamento interno da mesma e a súa acción e proxección externas. Atenderán as mesmas áreas e secretarías que o Secretariado Permanente do Sindicato.
Artigo 20
Dado que a presentación a eleccións sindicais é unha cuestión meramente táctica que decide a Sección Sindical, ou no seu caso o Sindicato, estabelécese a seguinte normativa a fin de controlar sindicalmente o uso de horas sindicais por parte das persoas delegadas.
A normativa xurídica en materia de eleccións sindicais e de representación das traballadoras define dúas figuras distintas. A persoa representante froito das eleccións sindicais e aquel a quen o sindicato elixe en desenvolvemento da Lei Orgánica de Liberdade Sindical. Sexa dun xeito ou doutro as persoas representantes, ben sexa por elección ou por designación, adquiren unha situación xurídica peculiar que se caracteriza pola dispoñibilidade de tempo libre en horas de traballo (horas sindicais), garantías para a permanencia no posto de traballo e ante o sistema disciplinario común a outras persoas traballadoras, e o acceso a esferas de influencia e de decisión tanto na empresa como noutras institucións.
As tarefas de representación non son un privilexio senón unha importante responsabilidade. A fin de evitar que se produza no futuro algunha situación indesexable, que desprestixie ao sindicato ante o conxunto das
persoas traballadoras e que nos leve a ser comparados con outros sindicatos nos que estes feitos son farto habituais.
Defendemos un modelo sindical asembleario e participativo, contrario á creación de castes privilexiadas que operan en función dos seus propios intereses. Por iso, faise necesario regular a actuación das persoas representantes e delegadas sindicais mediante os seguintes mandatos:
- Quen figure nunha candidatura a eleccións sindicais ao Comité de Empresa ou Xuntas de Persoal por SOVSOC deben saber que a sección sindical articulará mecanismos internos para a súa destitución en caso de non cumprir cos estatutos ou normas da mesma, este mecanismo será sempre articulado pola asemblea de afiliación ou a sección sindical.
- As horas sindicais pertencen á sección coa que a persoa traballadora se presentou ás eleccións sindicais, ou que lle designou.
- A persoa representante ou delegada virá obrigada a empregar as horas sindicais propias da sección naquelas funcións que a sección decida na forma estatutariamente estabelecida.
- Se se dese o caso de que unha persoa representante ou delegada plantexase obxeccións á realización de determinada tarefa, deberá poñelo inmediatamente en coñecemento da sección, que poderá decidir a súa revogación como representante do sindicato.
- A sección velará por que non se produza unha utilización fraudulenta das horas sindicais e, chegado o caso, denunciarase publicamente á persoa en cuestión.
- Será responsabilidade da secretaría de organización da sección o solicitar de cada persoa representante ou delegada un relatorio mensual cunha relación detallada das horas utilizadas e en que se dispuxo.
- Queda expresamente prohibido as persoas delegadas sindicais e representantes de persoal a realización de horas extraordinarias, comisións de servizo voluntarias, ou calquera outra medida que atente ao mantemento e creación do emprego.
- Para a obtención en beneficio propio de calquera condición ou mellora extraordinaria, que non sexa de aplicación xeral ao conxunto das persoas traballadoras da empresa, a persoa delegada ou representante sindical deberá comunicalo previamente á sección, así como das xestións que serán necesarias para iso.
- Na medida en que a lexislación ou os pactos coas empresas o permitan, procurarase rotar nos postos de representación, de maneira que o maior número de persoas compañeiras poidan ter acceso a iso.
- O máximo órgano de decisión da sección é a Asemblea de Afiliación, que en ningún caso poderá ser substituída por asembleas de persoas delegadas que terán un carácter meramente técnico e de desenvolvemento dos acordos que se adoptaron na Asemblea.
- Para poder concorrer ás eleccións sindicais dentro das listas de Solidariedade Obreira ou para ser designada como representante do sindicato, a persoa traballadora deberá facer un recoñecemento expreso deste articulado.
- Priorizarase o traballo como Sección Sindical antepoñéndoo en calquera caso ao do Comité de Empresa, sendo as súas persoas delegadas representantes da Sección Sindical no Comité de Empresa e non meros vocais deste.
- As Seccións Sindicais con maior implantación dedicarán maiores recursos á organización xeral do sindicato sen desatender o seu nivel de responsabilidade no seu centro de traballo. Debe procurarse a
implicación das persoas afiliadas nos temas xerais do sindicato (artigos nas publicacións, información nas cartas mensuais, convocatorias, etc.)
- En casos especiais como presentación en listas conxuntas (con outros sindicatos) ou como independentes (dentro das listas doutro sindicato) acordadas na asemblea de afiliación do sindicato, non poderá repetirse ese suposto para as seguintes eleccións sindicais debendo ter Sección Sindical e listas propias para esa ocasión. O sindicato afectado fará un especial seguimento.
CAPÍTULO CUARTO. DO SINDICATO
Artigo 21
Poderán afiliarse ao SOVSOC todos aquelas persoas traballadoras ou desempregadas non afectadas polo descrito no artigo 9º apartado 2º destes estatutos.
Artigo 22
Para a adhesión dunha nova sección sindical ao SOVSOC será necesario que o solicite por escrito, anexando copia da correspondente acta de Asemblea, indicando número de persoas afiliadas e Regulamento Interno de funcionamento da sección, que non poderán contradicir en ningún caso os Estatutos do SOVSOC.
Artigo 23
O máximo órgano de decisión do Sindicato é a Asemblea Xeral de afiliación ao mesmo, que se convocará cunha periodicidade, polo menos mensual. En todo caso celebrarase para información e debate de temas solicitados por persoas afiliadas ou seccións sindicais, así como para a elección de cargos do seu Secretariado Permanente ou de representación.
A Asemblea ordinaria do Sindicato será convocada cunha antelación mínima de 10 días, remitindo á afiliación a orde do día coas aclaracións e informacións que fosen precisas. Con carácter extraordinario convocarase a Asemblea a pedimento dun terzo da afiliación. Neste caso a convocatoria realizarase como mínimo con 5 días de antelación.
En ambos os casos, e ao comezo da Asemblea de afiliación, nomearase a Mesa correspondente, que contará polo menos con tres persoas: moderadora, palabras e actas, levantando acta dos acordos, que se corrixirá e aprobará ao comezo da seguinte Asemblea.
TÍTULO V. DOS ÓRGANOS REITORES
CAPÍTULO PRIMEIRO. O SECRETARIADO PERMANENTE DO SOVSOC
Artigo 24
O Secretariado Permanente do SOVSOC, é o máximo órgano de xestión da Organización. Coordina e desenvolve o traballo do Sindicato, a fin de que os acordos e decisións da Organización se leven a cabo con eficacia.
Artigo 25
O Secretariado Permanente do SOVSOC está formado pola Secretaría Xeral que leva implícita a de Relacións Internacionais e as Secretarías de Organización; de Acción Sindical, de Administración e Finanzas; de Saúde Laboral; de Acción Social; de Formación e Cultura; de Xurídica; de Comunicación.
Artigo 26
O Secretariado Permanente será elixido pola Asemblea de afiliación do SOVSOC entre as candidaturas completas propostas por algunha sección sindical ou por un grupo de polo menos 10 persoas afiliadas asinantes da proposta, que serán coñecidas con quince días de antelación á elección.
Artigo 27
O período de permanencia no cargo dos membros do Secretariado Permanente, incluído a Secretaría Xeral, será de catro anos, permanecendo en funcións durante o proceso de renovación.
CAPÍTULO SEGUNDO. DA SECRETARÍA XERAL.
Artigo 28
A Secretaría Xeral do SOVSOC ostentará a representación pública e legal do Sindicato, tendo as facultades legais que lle corresponden como representante legal e público da mesma. Estas facultades serán exercidas en asuntos de interese para o SOVSOC, sendo responsábel ante a mesma da súa xestión.
CAPÍTULO TERCEIRO. DOMICILIO
Artigo 29
Para todos os efectos, o domicilio do SOVSOC estará na rúa Eduardo Pondal, 24-3º 15702 Santiago de Compostela, podéndose estabelecer as delegacións que se crean necesarias pola Asemblea do SOVSOC.
CAPÍTULO CUARTO. MODIFICACIÓN, DISOLUCIÓN E FUSIÓN
Artigo 30
O SOVSOC non se poderá disolver se así o acordan o 25% das persoas afiliadas polo menos, en Asemblea de afiliación convocada para o efecto, no cal se resolverán cantas incidencias se deriven da mesma. A Asemblea do SOVSOC convocada para o efecto, é o único órgano competente para acordar a fusión, modificación e/ou absorción con outras organizacións sindicais.
TÍTULO VI. DO PATRIMONIO DE SOLIDARIEDADE OBREIRA
Artigo 31
O Patrimonio do SOVSOC está integrado por:
- As cotas da súa afiliación.
- Os bens, mobles e inmobles que por calquera título foron ou puidesen ser adquiridos pola Organización e polos ingresos que dos citados bens poidan derivarse.
- Calquera outro recurso legalmente obtido.
Artigo 32
Calquera persoa afiliada poderá solicitar ao Sindicato unha copia dos libros de contabilidade do mesmo.
Artigo 33
No caso de que por decisión da Asemblea de afiliación ou por unha decisión xudicial firme, se tivese que disolver o Sindicato, decidirase nesa mesma Asemblea ou noutra convocada para ese efecto, de como e onde se destinará o patrimonio que puidese existir nese momento, cumprindo antes con calquera compromiso económico que estivese pendente, sempre co compromiso de non desvirtuar o carácter non lucrativo do Sindicato.

