En defensa do galego, en defensa do noso futuro!

Comunicado da sección sindical de ensino de Solidariedade Obreira

O profesorado galego ten un papel fundamental na defensa e transmisión da nosa lingua. Como educadoras e educadores, somos garantes do futuro do galego e debemos actuar en consecuencia.

Por iso, desde a Sección Sindical de Ensino de Solidariedade Obreira, chamamos a toda a comunidade docente a participar activamente na manifestación convocada por Queremos Galego este domingo 23 de febreiro, ás 12:00 horas, na Alameda.

A situación do galego no ensino require unha resposta firme e unitaria. A imposición de medidas que limitan a súa presenza nas aulas, a falta de apoio institucional e a precariedade no seu uso cotián fan urxente a mobilización do profesorado.

Debemos ser exemplo de compromiso e loita. O galego é a lingua propia do noso pobo, a que nos identifica e nos une. Non podemos permitir a súa desaparición progresiva nin a perda de dereitos lingüísticos para as futuras xeracións.

Facemos un chamamento a todos os profesores e profesoras e á comunidade escolar a saír á rúa este domingo e reivindicar un ensino que garanta o dereito a aprender e vivir en galego.

O domingo 23 de febreiro, todas e todos á Alameda! En defensa do galego, en defensa do noso futuro!