Son profesor da Escola Municipal de Música, e alégrome de formar parte desde hai seis anos desta comunidade que se ilusiona compartindo cantos e acordes. A un tempo, sinto o desleixo que o Concello e a empresa adxudicataria do servizo, Esproade S.L., demostran co noso centro. Négasenos o material máis básico, descóidase a prevención de riscos e incúmprense pregos municipais, convenios e demais, trabando o labor conxunto de profesorado e alumnado.
A ninguén parece importar que a empresa non achegue os recursos mínimos acordados («escasos» xa segundo o informe da licitación): o ordenador non existe, malia as moitas reclamacións á empresa e Concello. O curso pasado estivemos dous meses e medio sen impresora, ou con ela defectuosa. Este curso solicitei os libros estipulados nos pregos. Sen resposta. Escola sen libros, precisar recursos propios para escoitar música na aula ou preparar clases fóra do horario laboral. Sen medios, e sen usar os meus persoais, non estou podendo preparar as alumnas para os concertos.
As reformas recentes: venderon unha «insonorización completa» que apenas é un acondicionamento acústico parcial (se forraban a parede dun lado, aforraban polo outro; teremos que contentarnos coa reverberación da aula grande, e coas portas vellas que pechan malamente). Mentres o alumnado perdía clases e nós salarios durante as reformas, deixaron de lado o máis urxente: as filtracións e goteiras, xa de anos anteriores.

Este curso entou auga en puntos de luz, con risco de curtocircuito (entre outras incidencias con elementos eléctricos). Os oito caldeiros da aula de piano non daban abasto, inundouse o chan varias veces alí e no aseo grande. O cheiro a humidade tadoru en marchar. A pintura nova haberá que repoñela, onde cuarteou. E non puideron reparar estas fallas no verán en lugar de cambiar os estores, que estaban perfetos? Minimizan os problemas, demoran as solucións e nin informan a comunidade educativa das incidencias.

Preguntamos sobre os postos funcionais. Xefa de estudos? Nunca tal vimos. Dirección? Retribuída por baixo de convenio, asume tarefas non propias do posto. Non sabemos a que se destina esa parte do orzamento. Solicitamos ampliación de horario laboral, agora 100% lectivo. Sen resposta. Non temos gardas nin titorías nin tempo para preparar clases nin para montar ou recoller a aula, nada. A empresa desatende as reclamacións (non retribúe a antigüidade dos traballadores, as vacacións…) e a supervisión do Concello brilla pola súa ausencia. Así, non é estraño que as profesoras marchemos. Traballamos por conta allea, mais por conta propia para o que lles convén.
Fáltanos un centro que sexa público de verdade, con ensino de calidade. No seu lugar, dánnos un servizo low-cost —vendido segundo parece ao peor postor— con material precario, condicións laborais precarias, instalacións precarias e trato á comunidade acorde con todo o anterior. Hai dous cursos prorrogáronse os orzamentos; seguimos hoxe na excepcionalidade e non se ve no horizonte que vaia mellorar a situación. Moi benvida sería a municipalización do servizo: boa xestión pública en lugar de beneficio empresarial, e recuperar un profesorado que transmita ilusión para a través da cultura crearmos xuntos comunidade.



Debe estar conectado para enviar un comentario.