Solidariedade Obreira chama á participación nas mobilizacións nos nosos pobos, vilas e cidades polo dereito á vivenda o próximo 5 de abril.
O problema da vivenda afecta transversalmente a toda a clase traballadora, a persoas de todas as idades; enfronta a posuidoras con desposuídas, a quen ten recursos con quen non os ten, a quen vive do seu traballo con quen vive do rentismo inmobiliario.
Desde hai varios meses en diferentes cidades xorden Sindicatos de Inquilinas, Xuntanzas pola Vivenda, Plataformas e asociacións pola vivenda, interpretadas como un novo movemento de impugnación similar aos que xa houbo no Estado Español ao longo do século XX: Unión de Defensa de Inquilinos en 1919, folga de alugueiros en 1931 en Barcelona, Asemblea de Traballadores para unha vivenda Digna (ATVD) en 1977 que custou encarceramentos e mortes a mans da policía nacional (aqueles grises que agora son negros). A finais dos 80 o movemento Okupa toma a substitución destas mobilizacións incidindo no carácter político desta acción.
Co nacemento das primeiras redes sociais, a principios deste século, xorde en diferentes foros da internet a Plataforma por unha Vivenda Digna, 2003, que se plasma nunha serie de manifestacións baixo o lema “Polo dereito a teito-Stop especulación”. En 2006 V de Vivenda “Non vas ter unha casa na túa puta vida” e xa en 2011 StopDesahucios e a Plataforma de Afectadas pola Hipoteca (PAH), “Xente sen casas e casas sen xente”.
15 anos despois todo segue igual, non é a mocidade a que non ten futuro (como se denunciaba no 15M), é a clase traballadora á que non se permite ter presente digno. O capitalismo voraz, insaciable; o neoliberalismo coa súa defensa predadora sobre os seus intereses particulares fronte ao interese colectivo, o dereito á propiedade privada de quen máis poder ten á conta do empobrecemento das maiorías. Os salarios medios non permiten cubrir os prezos desorbitados das vivendas non só porque sexan baixos, que tamén, senón que os prezos inalcanzables deste ben básico xeran unha desproporción absoluta entre ambos.
En cidades como Compostela expúlsase ás veciñas para montar pisos turísticos “Ou teu Airbnb era ou meu fogar” reclama o movemento Xuntanza pola Vivenda que chaman a crear estruturas de autodefensa que permitan organizarse para facer fronte a esta situación e camiñar cara a unha cidade máis xusta, unha cidade para as veciñas.
O dereito á vivenda é loita de clases, é o roubo á clase traballadora do froito do seu traballo.
Participamos nas mobilizacións do #5deAbril: Acabemos co Negocio da Vivenda.
Compostela, Praza do Toural ás 12:00


